A posición da Federación de Pais en Nais sobre as avaliacións de Primaria manifestouse claramente desde a aprobación da LOMCE en contra do sistema das chamadas reválidas polo seu carácter «avaliativo», é dicir, porque tales probas teñan algunha función respecto do expediente académico ou que poidan servir para discriminar alumnos polo seu rendemento.
Consideramos que a participación ou non nas probas de avaliación pertence ao ámbito de decisión concreto de cada familia. Somos conscientes da confusión xerada polas continuas modificacións legais, a falta de claridade e información con manipulación constante da linguaxe que utiliza a Administración e a improvisación das autoridades educativas.
A isto súmase a inseguridade que producen os anuncios de futuras modificacións destas probas, a inconsecuencia entre a LOMCE e os decretos que a aplican, as declaracións dos responsables políticos pedindo «confianza» ou a recente aprobación por maioría absoluta no Parlamento español da paralización da súa aplicación, que o Goberno en funcións non acepta.
Consecuencias para aqueles que non realicen as probas?
Tanto FANPA como Confapa-Galicia confiamos en que non terá consecuencias e tentamos saber como manexarán os centros e a Consellería a marxe discrecional da que dispoñen. Remitímonos para isto á resposta do Director Xeral de Educación da Consellería e á circular emitida pola propia Consellería dirixida ás familias. Só constará unha especie de «non presentado». Non obstante, sospeitamos que no caso de presentarse e obter unha nota negativa poida ter consecuencias, especialmente en ESO.
É evidente que a Consellería está facendo todo o posible para cumprir a letra da lei pero quitándolles o ferro que poderían levar estas avaliacións; as probas serán fáciles e a corrección xenerosa, seguramente. A nivel estatal, non debe esquecerse que hai comunidades autónomas enteiras que non as van facer, polo que debemos considerar que serán como unha convocatoria a un “acto oficial sen transcendencia”.
Hai dúas maneiras en que se presenta a non realización das probas:
a) Por inasistencia
Esta Federación non pode deixar sen poñer enriba da mesa a diferenza entre a vontade política e a normativa administrativa de Educación. A decisión de presentarse ou non ás probas debe ser unha decisión informada e consciente.
De feito existe o protocolo de absentismo escolar que define claramente que a partir de 10 faltas nun mesmo mes, queda á vontade e criterio do Centro, abrir expediente por absentismo (art. 22 do decreto 229/2011, do 7 de setembro). É dicir, non hai garantía xurídica de que non presentarse á proba como xeito de protesta cívica se poida considerar falta xustificada.
Considérase falta xustificada (Protocolo para a prevención e control do absentismo escolar en Galicia):
- Con carácter xeral
- Citacións
- Morte ou enfermidade grave de familiar en 1º ou 2º grao
- Tramitación de documentos oficiais, presentacións a exames e probas oficiais
- Indisposicións (máximo 2 días lectivos)
- Enfermidade (polo tempo de prescrición médica)
- No caso de faltas de asistencia a clase do alumnado non contempladas no apartado anterior, quedará a criterio da dirección do centro a consideración das excepcionais circunstancias que concorran para a súa xustificación ou non. En todo caso, deberá garantirse o dereito á escolarización da alumna ou do alumno.
A xustificación das faltas de asistencia a clase realizarase ante o profesorado titor e por parte da nai, do pais, titores ou gardadores mediante: xustificante médico, documento acreditativo de deberes inescusables/ de exames/ de mortes ou calquera outro documento acreditativo da circunstancia que xustifique a ausencia.
b) Con asistencia pero negándose a realizala por desacordo
Non é posible non realizala. Unha vez dentro do centro escolar, os pais non poden opoñerse á actuación do Centro porque nese momento o centro escolar exerce a custodia escolar para todos os efectos. Lembremos que tanto a Administración, como o centro e os propios profesores están investidos como autoridades. Iso á parte da situación de choque para os nosos fillos de ter que opoñerse a realizar un exame ante os mesmos profesores que o avalían a diario.
É posible realizala pero manifestar ou facer que conste a nosa protesta.
Para máis información sobre estes e outros asuntos podedes dirixirvos o seguinte enlace onde aoparedes toda a información necesaria, os impresos, e leis.
thttp://www.nontedurmas.org/fanpa/comunicado-da-fanpa-sobre-as-avaliacions-de-primaria/